Foros de discusión Marinenses.com . "Opina sobre lo que ocurre en Marín, Tu también tienes voz".
Foros de DescubreMarin.com
 
 FAQFAQ   BuscarBuscar   MiembrosMiembros   Grupos de UsuariosGrupos de Usuarios   RegistrarseRegistrarse 
 PerfilPerfil   Entre para ver sus mensajes privadosEntre para ver sus mensajes privados   LoginLogin 

IMPORTANTE: Debido al Spam ( mensajes publicitarios basura ) todo el que quiera participar en los foros por favor que se registre, es gratuíto y anónimo.


Alegación ao Pxom do Colectivo Nacionalista de Marín

 
Publicar nuevo tema   Responder al tema    Foros de discusión -> Plan Urbanístico de Marín
Ver tema anterior :: Ver tema siguiente  
Autor Mensaje
Colectivo Nacionalista



Registrado: 31 Oct 2006
Mensajes: 144

MensajePublicado: Vie May 04, 2007 9:04 am    Asunto: Alegación ao Pxom do Colectivo Nacionalista de Marín Responder citando

Que aprobado inicialmente o Plano Xeral de Ordenación Municipal de Marín e estando actualmente en período de información pública vimos manifestar o seguinte:
O proxecto de PXOM elaborado baixo a dirección da Comisión Municipal de Seguimento, onde están representados todos os grupos municipais, mantense na liña dos presentados na maior parte dos concellos costeiros de Galiza. Igualmente estamos ante unha aposta decidida polo crecemento sen control e a urbanización extensiva do territorio.
Aplicar esta filosofía urbanística propia do “Mediterráneo” nun momento en que socialmente está sendo cuestionada e nalgúns casos paralizada pola Unión Europea deixa ben ás claras que non se pretende desenvolver un plano que solucione os problemas do conxunto da poboación, que beneficie á maioría, senón que está en función dos intereses duns poucos. Estamos ante un proxecto especulativo e que vai provocar tensión social cando traten de aplicarse os excesivos “polígonos” que aparecen recollidos.
As figuras escollidas, grandes parcelas de SUD e SUNC nas que os propietarios dificilmente chegarán a un acordo de edificación, obrigan a un desenvolvemento baseado en urbanizacións realizadas por grandes construtoras que, no caso dunha vila costeira como a nosa se desenvolverán en moi pouco tempo en fenómenos de especulación urbanística ligada ao turismo.
O plano xeral presentado non incorpora criterios de sustentabilidade, xa que non parte da base de respectar o benestar e a calidade de vida dos actuais habitantes do concello, ao recualificar como Solo Urbano Non Consolidado e Solo Urbanizábel Delimitado grandes superficies de cultivos e de solo rústico protexido, que conforman a actual paisaxe de Marín, substituíndoo por unha continuidade de urbanización de edificacións con diversas alturas e características que van empeorar a calidade de vida ao concentrar á totalidade da poboación en puntos concretos, no litoral e en espazos protexidos, e atraendo a consumidores de segundas vivendas que residen fóra do noso concello co conseguinte encarecemento do nivel de vida para os que residimos todo o ano en Marín.
A análise do preámbulo da Memoria clarifica as intencións da Comisión Municipal de Seguimento, pois desde a equipa redactora maniféstase dun xeito rotundo que foi esta comisión a que rexeitou a consideración da maior parte das recomendacións do informe previo elaborado pola Consellaría de Política Territorial.
Non se tiveron en conta as medidas propostas de protección do litoral, dos ríos, dos espazos de interese paisaxístico e agrícola, mantense un excesivo crecemento que non está xustificado, en definitiva o importante para os responsábeis políticos do Plano é edificar canto máis mellor.
Non se comprende que un concello como Marín que desde o ano 1981, en que tiña 23,178 habitantes, até o 2005, en que tiña 26,103 habitantes, medrou só en 2,295 habitantes poida crecer máis de 6.600 vivendas só nos sectores de solo urbanizábel residencial. Só se pode explicar este afán construtor no mercado de segundas vivendas, non para satisfacer as necesidades dos veciños e veciñas de Marín.
É moi clarificador o informe elaborado pola Consellaría de Política Territorial xa que podemos dicir que destapa un plano que estira, e en moitos casos excede, a actual lexislación para favorecer unha edificación masiva do noso territorio. Vai servir de guión para elaborar unhas alegacións que modifiquen en profundidade un proxecto de desaparición do Marín que hoxe coñecemos e que pretenden transformar nun concello da costa mediterránea.
En definitiva, estamos ante un Plano que se fixo de costas á cidadanía, eludindo a súa participación, que está baseado na economía da construción e opta por un modelo de inversión especulativa. O PXOM usa o solo como un obxecto de negocio, cando se trata dun ben público.
Por todo isto e no prazo legalmente establecido presentamos as seguintes

ALEGACIÓNS:

1º.- Segundo establece o artigo 13. 3 da LOUGA os núcleos rurais ubicados na franxa de 200 metros dende o límite interior da ribeira do mar, non poderán ser ampliados en dirección ao mar, salvo nos casos excepcionais no que o Consello da Xunta o autorice expresamente pola especial configuración da zona costeira onde se atopan ou por motivos xustificados de interese público, xustificando a necesidade da iniciativa, a oportunidade e a súa conveniencia co interese xeral.
En base a claridade da lexislación vixente non se comprende a proposta de sectores de Solo Urbanizábel Delimitado lindeiros coas praias de Mogor e Aguete, concretamente os SUD CT-1, CT-2, RD, SX-17, SX-18, RBG-1 e RBG-2.
Propoñemos:
Que a cualificación dos sectores SUD CT-1, CT-2, RD, SX-17, SX-18 RBG-1 e RBG-2 como Solo Rústico de Protección de Costas. Así como a ampliación do límite de protección a 500 metros.

2º.- A Lei 29/1985, de 2 de agosto, de Augas, recolle no seu Artigo 6 que as marxes dos ríos están suxeitas, en toda a súa extensión lonxitudinal a unha zona de servidume de cinco metros de anchura, para uso público que se regulará regulamentariamente; e a unha zona de policía de 100 metros de anchura na que se condicionará o uso do solo e as actividades que se desenvolvan.
As canles dos ríos Loira e Lameiriña, tal e como veñen recollidos no proxecto do PXOM, vense afectados nas súas marxes e non se respectan as zonas de protección establecidas legalmente. Non hai xustificación algunha a esta modificación, e esta proposta incide nos erros do pasado que provocan cada certo tempo inundacións nas desenvocaduras dos ríos en Marín.
O artigo 104, f) da Louga, di que nas áreas ameazadas por graves riscos naturais ou tecnolóxicos como inundacións, fundimentos, incendios, contaminación, explosión ou outros análogos, non se permitirá ningunha construción, instalación ou calquera outro uso do solo que sexa susceptíbel de padecer estes riscos.
Propoñemos:
Que se recollan en todas as marxes dos rios Loira e Lameiriña, asi como dos seus afluentes, as zonas de protección legalmente establecidas en 5 metros para uso público e 100 de policía.

3º.- Na relación de edificios catalogados a protexer non aparece a Praza de Abastos.
Tampouco aparece reflexado o edificio e o xardín colindante situado nos números 19 e 21 da Avenida Jaime Janer, parroquia de Santa María do Porto, ail.coconstrución de interese pola súa antigüedade e as súas características arquitectónicas.
Propoñemos:
A súa cualificación como edificios catalogados.


4º.- Analizamos as distintas cuestións que consideramos modificábeis en función do plano en que veñen recollidas.

No plano C-3 aparecen relacionados os seguintes polígonos de Solo Urbano Non Consolidado: SUNC P-3, P-4, P-5, P-6, P-7 e P-8. Tamén figura un polígono de Solo Urbanizábel Delimitado, o SUD R-1.
É evidente que estas actuacións nunha zona tan ampla e cunhas características urbanísticas similares non teñen unha explicación lóxica e non se xustifican desde un punto de vista urbanístico, pois propóñense solucións distintas para situacións similares. Mistúranse Solo Urbano con todas as areas de SUNC e SUD sen ningún tipo de rigor.
Estas actuacións só poden responder a unha pretensión especulativa e non a un artellamento ou desenvolvemento ordenado da zona.
Propoñemos:
Que se modifique estes sectores de SUNC e se cualifiquen como Solo Urbano, e a zona SUD R-1 e a zona SUNC P-6 como SREP Agropecuaria.

No plano C-4 recóllense unha serie de polígonos que van transformar radicalmente esta zona converténdoa nun paraíso da urbanización intensiva e alterando a paisaxe costeira que fai de Mogor unha das parroquias que máis é necesario conservar no seu estado. Volven a cualificarse zonas SUNC cando están dentro de terreos da mesma característica e que teñen a cualificación de Solo Urbano.
Propoñemos:
Que os sectores SUD RC, HM1 e HM2, segundo recolle o Art. 32.2 a), da Lei 9/2002 sexan cualificados como Solo Rústico de Protección Agropecuaria.
Que o sector SUNC P-9, o SUD R-3 sexa cualificado como Solo Rústico de Protección Ordinaria.
Que o sector SUNC P-14 sexa cualificado como Solo Urbano.

No plano C-5 aparecen afectadas zonas de interese agropecuario, recollidas nos polígonos SUD R-A, R-B, R-C e R2, como así as cualifica o Ministerio de Agricultura e mesmo chega a recoñecer o equipo redactor nas fichas de impacto incluídas no estudo de sustentabilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico onde caracteriza os terreos onde se sitúan os polígonos R2 e R-A como un “espazo de intensivo aproveitamento agrario”. Polo tanto, e como en casos anteriores, en base á aplicación do Art. 32.2 a), da Lei 9/2002, non cremos valida a xustificación da consecución dun espazo cohesionado e con equipamentos para suplir a perda de calidade ambiental transformando unha das paisaxes máis fermosas de Marín nun gran entramado de baldosa e edificios.
Tamén está afectado o río Lameiriña polo incumprimento da Lei 29/1985, de 2 de agosto, de Augas, concretamente nos polígonos SUNC P-10, P-15 e P-16 non se respecta a distancia de protección da canle, de 100 metros de policía.
Propoñemos:
Que se modifique a cualificación dos terreos afectados polos polígonos SUD R-A, R-B, R-C e R2, e sexan cualificados como Solo Rústico de Protección Agropecuaria.
Que se contemple no curso do Río Lameiriña a zona legal de protección especificada na Lei de Aguas

No plano C-6 o SUD I 1.1 e 1.2 ten un gran valor agrícola e paisaxístico, ademais de ser de interese para a rede hidrolóxica do municipio, polo que a proposta de cualificación non se pode soster. Esta zona forma parte do Espazo Natural Protexido Montes do Morrazo, como así o recolle a na normativa urbanística provincial, o que non aparece en ningún dos documentos do proxecto do PXOM.
Propoñemos:
Que se manteña a cualificación do SUD I 1.1 e 1.2 como Espazo Natural Protexido.

No plano C-8 aparecen recollidas dúas zonas, a SX-LJ e a SX-CP, cualificadas como Sistemas Xerais - Espazos libres de uso e dominio público, sendo as mesmas dúas grandes masas forestais.
A calificación que se lles da a estas zonas é simplemente para cumprir os obxetivos que marca a lexislación vixente en canto a espazos e zonas verdes no planeamento, por este motivo estamos ante un intento de sortear a lei e así aumentar a capacidade de edificación e construción noutras zonas do concello.
Esta forma de actuación vai contra un modelo de planificación moderno que teña en conta as necesidades da poboación, a súa cualidade de vida, a dotación duns espazos (parques, etc.) que fagan da expansión urbanística unha mellora do nível de habitabilidade. Concéntranse zonas verdes en masas forestais e así non hai que facelas na áreas de expansión urbana, dando lugar a ruas como a Ezequiel Massoni ou Calvo Sotelo que son unha continuidade de edificios sin ningún parque ou zona de esparcimento.
Este tipo de actuacións deixa, unha vez máis, ben claro que o único interese que hai na elaboración de plano é a construción masiva e a especulación.
Propoñemos:
Que se modifique a cualificación das zonas SX-LJ e SX-CP pasando a ser Solo Rústico de Especial Protección Forestal.

No plano C-9 o SUD R-4 afecta ao río Lameiriña polo incumprimento da Lei 29/1985, de 2 de agosto, de Augas; non se respecta a distancia de protección da canle, de 100 metros de policía.
O SUD PE-I 1 afecta a zonas de intereses agropecuario e polo tanto, e como en casos anteriores, en base á aplicación do Art. 32.2 a), da Lei 9/2002, non é aplicábel esta cualificación do solo.
As zonas SUD R-4, R-5 e R-6 situados no contorno do corredor fluvial dos ríos Lameiriña e Agrela reciben unha cualificación que non é a máis adecuada para unha zona eminentemente rural como esta, estamos ante unha serie de solos claramente de uso agrícola.
As zonas SUD RSX 1 e 2 deben recibir outra cualificación urbanística máis axeitada a unha zona limítrofe cun núcleo rural.
En total nesta zona da parroquia de San Xián preténdense construír un total de 907 vivendas, o que é totalmente desproporcionado.
Propoñemos:
Que se contemple no curso do Río Lameiriña a zona legal de protección especificada na Lei de Aguas.
Que se modifique a cualificación do SUD PE-I 1 e se cualifique como Solo Rústico de Protección Agropecuaria.
Que se modifique a cualificación do SUD R-4, R-5, R-6 e RSX 1 e 2 a Solo Rústico Protexido.

No plano C-11 recóllense diversas actuacións que van alterar dun xeito grave a desembocadura do río Loira, modificando unha zona que debe ter unha protección especial polo seu interese ecolóxico e paisaxístico.
O desenvolvemento urbanístico previsto é excesivo en número de edificacións e está claramente orientado ao mercado de segunda vivenda para non residentes. En total están previstas unhas 1538 vivendas, aumentando a presión demográfica en Seixo e Loira dunha forma inxustificada e sen a dotación de servizos para atender a demanda que se podería producir. Onde está a previsión para subministrar auga ou recoller o lixo?
Os SUD RHT 1, 2, 3, 4 e 5, unha vez máis, non poden recibir esa cualificación urbanística xa que se trata de solo agropecuario, polo que procede o seu recoñecemento e protección.
Os distintos polígonos cualificados de Solo Urbano Non Consolidado non se entenden cando están situados no medio de zonas de Solo Urbano en todos os casos.
Propoñemos:
Que se modifique a cualificación dos SUD RHT 1, 2, 3, 4 e 5 e se cualifiquen como Solo Rústico de Protección Agropecuaria.
Que se contemple no curso do Río Loira a zona legal de protección especificada na Lei de Aguas, e que se cualifique a súa desembocadura como Zona de Especial Protección polo que se debe modificar a cualificación das zonas SUNC P-25 e P-26.
Que se cualifiquen as zonas SUNC P-21, P-22, P-23, P-24 e P-27 como Solo Urbano.

No Plano C-12 recóllese unha zona industrial nos SUD PIM 1 e 2, que afecta ao río Loira e a unha zona de interese agropecuario, xunto coas SUD RHT 3. De levarse adiante suporía un novo atentado ao xa deteriorado curso do río e a transformación dunha das zonas mellor conservadas de Marín, modificando a paisaxe tradicional.
Non se contempla a zona de protección de 100 metros de policía que recolle a Lei de Augas como de obrigado cumprimento.
Propoñemos:
Que se modifique a cualificación dos SUD PIM 1 e 2 e SUD RHT 3 e se cualifiquen como Solo Rústico de Protección Agropecuaria.
Que se contemple no curso do río Loira a zona legal de protección especificada na Lei de Aguas

No plano C-15 contémplase o SUD PIC 1 que afecta ao río Loira e, ademais, supón un anacronismo a colocación dun parque industrial nunha zona que se supón de interese turístico e que está destinada a unha expansión en base a segundas vivendas (ese é o modelo que se propón no PXOM). Concretamente na Memoria, no punto 4º do diagnóstico de necesidades di: Carencia de espazos adecuados (hospedaxe e actividade comercial) que faga do núcleo de Seixo un lugar con actividade permanente e non estacional.
A existencia desta zona industrial entra en contradición coa anterior proposta de cualificar á desembocadura do río Loira como zona de especial protección.
Propoñemos:
Que se modifique a cualificación do SUD PIC 1 e se cualifique como zona de Expansión de Núcleo Rural, mantendo a protección legal do río Loira.

No plano C-24 contémplase no medio dunha ampla zona de Solo Rústico de Protección Ordinaria un polígono, SUD DT-1, que non ten xustificación cando as súas características non son distintas ao SRPO no que está integrado. Só se pode entender esta cualificación urbanística desde un punto de vista especulativo e para beneficiar a intereses privados.
Propoñemos:
Que se modifique a cualificación do SUD DT-1 e se integre na zona de Solo Rústico de Protección Ordinaria.

Nos planos C-28, C-29 e C-30 a zona industrial S.U.D.PI-1, que abrangue 1.152.021,48 m2 de superficie proposta como Solo Urbanizábel Delimitado Sen Desenvolver-Uso Dominante Industrial (a de máis superficie industrial do PXOM), está ubicada en pleno monte, dentro do Espazo Natural Montes do Morrazo, protexido polas NN CC e SS de Planeamento provinciais de Pontevedra, e de solo rústico, nunha zona de gran valor agroforestal, onde afecta por engadido ao nacemento do rego das Gorgadas, ao Sendeiro Catalogado de Grande Percorrido do Morrazo (G.R.59) e ao núcleo rural e poboado de Pastoriza pola súa inmediata proximidade.
Entendemos que esta zona, con craros desniveis xeográficos, onde predomina a biomasa forestal (eucalipto e piñeiral), arbustiva (pereira brava, sanguiño e loureiro) e matorral (breixo e toxeira), onde agroma con forza o carballo, e se asocia como corredor verde as fragas do rego das Gorgadas (carballos centenarios, salgueiros, ameneiros e en especial as bidueiras), debe ser calificada pola súa importancia e características como solo rústico de protección de espazos naturais, e de protección forestal, rexeitando a urbanización industrial proposta xa que ademáis está alonxado dos principal vial de comunicación do municipio (a vía rápida en construcción) e non se fai necesario un gran parque industrial nesta zona para O Morrazo, por canto xa existe un de carácter comarcal, sito entre os concellos de Cangas e Bueu.

Propoñemos:
Que se modifique a cualificación do SUD PI-1 e se manteña como Espazo Natural Protexido.


5º Non existe no PXOM un planeamento especial ou sectorial para a instalación de tecnoloxías de comunicación radioeléctrica, deixando transitoriamente o concello mentres non exista tal planeamento a iniciativa aos operadores. Nas normas urbanísticas recóllese un regulamento de instalacións de telefonía móbil que fai máis fincapé no impacto visual das instalacións que na protección da saúde dos veciños e veciñas puidendo, aínda que de xeito excepcional, os operadores instalar antenas en solo urbano.
Propoñemos:
Que se realice o antes posíbel o plano especial para a instalación destas tecnoloxías e que en aplicación do principio de prevención en todo caso se modifique a regulación das Normas Urbanísticas e, ao revés que a proposta do PXOM, mentres non exista un estudo claro e fiábel se prohiba a colocación de antenas de telefonía móbil calquera que sexa a súa potencia nas zonas urbanas, e que a súa instalación sexa cando menos a 600 metros de calquera vivenda no resto do municipio.

6º.- Na Memoria, apartado 1.7 Abastecemento de Auga, fanse unha serie de elucubracións e cálculos para xustificar un hipotético e futuro abastecemento de auga a unha poboación de 126.819 habitantes. Uns números totalmente irreais cando entramos nunha etapa de cambio climático que conleva unha diminución das chuvias e polo tanto da auga potábel dispoñíbel para consumo.
No apartado 1.8 tampouco se recolle ningunha solución á saturación que vai sufrir o sistema de saneamento, só unha descrición do que hai e unha relación de futuras medidas para os Solos Urbanizábeis Delimitados.
A desmesurada capacidade residencial e industrial proposta tamén incide no sobredimensionamento da capacidade de saneamento das augas residuais, xa de por si deficitario na actualidade, pois como propiamente di o apartado do SANEAMENTO da MEMORIA do PXOM abrangue só o núcleo urbano e as parroquias de Mogor Seixo e Loira e polo tanto non da servizo integral a tódalas vivendas do municipio (o propio apartado recoñece que “existe gran cantidade de fosas sépticas en vivendas para uso particular”), nas zonas rurais onde existe non teñen separación de augas pluviais, e a EDAR onde van transportadas as augas residuais, en Os Praceres, onde tamén van transportadas as augas residuais xeradas nos concellos de Pontevedra e Poio, máis as do complexo ENCE-ELNOSA está saturada e con problemas de depuración (cousa que o citado apartado non di).
Se temos en conta que a capacidade edificatoria proposta polo PXOM é triplicar a actual, os problemas tanto de conexión das augas residuais ó saneamento municipal como da súa propia depuración, serán moito maiores e practicamente insostibles, habida conta ademais que elo e tendo en conta a corrección ó máximo do impacto (cousa que non se acostuma levar normalmente a cabo, de aí os problemas actuais), suporía un enorme gasto económico, inasumíbel para as arcas públicas.
É imposíbel aumentar a dotación de servizos públicos, como o subministro de auga, para unha poboación dunhas dimensións tan grandes. Este crecemento só vai provocar un maior consumo de auga, unha maior produción de resíduos, un maior consumo enerxético e un incremento do tráfico. A estes problemas non se lles da ningunha solución, pois é imposíbel nun territorio tan pequeno como o de Marín dar cabida a unha poboación de 126.819 habitantes.

7º.- Dadas as desorbitadas previsións de crecemento do equipo redactor e da comisión de seguimento hai que facer especial fincapé no apartado Das Dotacións, na Memoria do PXOM. Semella que o importante é a construción desaforada de vivendas sen dotar aos futuros habitantes destas de servizos considerando os xa existentes como suficientes.
Así, non hai ningunha previsión de aumentar os centros de ensino e garderías, deixando este posíbel incremento de dotacións a hipotéticas e futuras solicitudes de asociacións ou ás indicacións da Comisión de Seguimento do Plano a nivel municipal.
O mesmo acontece coa dotación cultural aínda que na propia Memoria se recoñece que é escasa pese a que se ten ido construído, por distintas zonas do termo municipal, Casas da Cultura. Non existe a previsión de construción de ningún espazo cultural como unha nova biblioteca, museo.... non entanto, recóllese a posibilidade xa desbotada de ubicar o auditorio no porto.
Non se recolle ningunha proposta de futura ampliación de ningún servizo sanitario, docente, deportivo ou de atención á terceira idade.
Propoñemos:
Que se incorpore un plano de equipamentos sanitarios, de atención á terceira idade, docentes, de servizos sociais, culturais, deportivos e de recollida de animais; co fin de garantir que non se dean déficits nos dereitos sociais básicos.

8º.- No Estudo de Inundabilidade fanse unhas propostas de actuación consistentes na canalización das desembocaduras dos ríos Loira e Lameiriña. Estas actuacións suporían modificar o ecosistema dos ríos causando un gran impacto no mesmo e modificando, no caso do río Loira unha paisaxe de gran valor.
Son precisamente as canalizacións dos ríos as que provocan os seus desbordamentos e as conseguintes inundacións, que xunto coa invasión das súas canles pola presión urbanística fan desaparecer as zonas naturais de expansión.
Estas propostas van contra a actual lexislación, concretamente contra a Lei de Augas, que estabelece as normas básicas de protección dos ríos e canles de auga.
Propoñemos:
Que se retiren estas dúas propostas de canalización dos ríos Loira e Lameiriña por consideralas un atentado ecolóxico que vai alterar dun xeito innecesario o medio e o curso destes ríos.
Que se poñan en valor as canles dos ríos Loira e Lameiriña mediante a recuperación das súas beiras para a práctica do sendeirismo e a restauración dos muíños como atractivo etnográfico.

9º.- No proxecto de PXOM só se fan descrición das vías e camiños existentes e previstos. No entanto, carece dun plano de actuación sobre as comunicacións e a mobilidade no concello.
É necesario potenciar o transporte público e comunicar os núcleos e parroquias, entre elas e coa vila, así como coas liñas de transporte que van a outros municipios. Esta é unha das formas de evitar os problemas ocasionados polo uso excesivo do vehículo particular, a saturación das vías e a falla de aparcamento.
Tampouco hai proposta algunha para favorecer o uso da bicicleta como alternativa ao coche, non aparece en todo o plano carril-bici algún salvo unha proposta na memoria do PXOM para o paseo de Marín a Aguete condicionada esta á consideración desa vía de sentido único ou non.
Propoñemos:
Que se realice unha proposta de mellora do transporte público para comunicar as parroquias, a vila e os concellos limítrofes, e que se regulamenten os carrís-bici nas principais vías existentes e en todas as de nova realización.

10º.- No Solo Urbano existente, así como na proposta de urbanización dos polígonos SUNC, as zonas verdes están comprendidas fundamentalmente nos interiores das novas edificacións, polo tanto estase producindo unha interpretación da norma claramente prexudicial para o interese público. As zonas verdes teñen que ser iso, verdes, e estar abertas ao uso e goce da cidadanía, garantindo deste xeito unha maior calidade de vida nos espazos urbanos.
Propoñemos:
Que se dote ás novas zonas a desenvolver de amplos espazos abertos, verdes e de uso público.

11º.- A aprobación e exposición pública dun PXOM sen ter en conta as recomendacións do informe previo elaborado pola Consellaría de Política Territorial, onde se facían consideracións de gran calado, vai provocar unha inseguridade xurídica para as persoas afectadas e que presenten as súas alegacións.

12º.- No Estudo de Impacto Ambiental recóllense unha serie de valoracións sobre diversos ecosistemas que entran en contradición coas propostas que se fan posteriormente para solventar o impacto que producen as distintas cualificacións do solo.
No punto: 2.- Valores naturais e biodiversidade.
O gran espazo forestal de Marín, é unha parte fundamental dos Montes do Morrazo, catalogados como Espazo Natural nas NSCP da provincia de Pontevedra. Esta gran superficie é un factor bioxeográfico clave para a conservación de especies faunísticas.
A pesar do exposto proponse a creación dunha zona industrial que vai afectar a este espazo natural.
Os espazos de ribeira constitúen quizais o principal enclave de biodiversidade do municipio...
Os ríos de Marín sofren constantes agresións con propostas de canalización ou a sua afectación por parques industriais.
O espazo agrario entendido como un complexo de pequenos microhábitats é o espazo estratéxico que garante a pervivencia da biodiversidade no municipio.
No plano transfórmase gran parte do solo agropecuario de interese en zonas de Solo Urbanizábel Delimitado.
2.3. Estratexia e accións de sostibilidade ambiental.
Conservar, restaurar adecuadamente e utilizar de maneira sostíbel o medio mariño, as costas e os humedais.
Promover o espazo fluvial como corredor natural e reserva da biodiversidade.
Protección estrita do litoral.
Estas son algunhas das medidas propostas, que entran en clara contradición coa filosofía do PXOM en case a totalidade das súas actuacións.
Propoñemos:
Que se teñan en conta estas valoracións sobre os distintos ecosistemas para non poñelos en perigo mediante as actuacións previstas na proposta de PXOM, mantendo as medidas de protección das zonas agropecuarias, litorais e de ribeira.

13º.- No catálogo de patrimonio cultural non consta a totalidade dos elementos das diversas categorías. Como exemplos, bótase en falla o lavadoiro e a fonte da Rebalda, un cruceiro na Moreira, así como gran cantidade de muíños nos diversos ríos do concello.
No catálogo de elementos arqueolóxicos non se fai unha localización exacta e nalgúns casos só se fai unha descrición sacada de catalogacións de outras administracións.
Propoñemos:
Que se faga un novo inventario coa realización dun traballo a cargo de técnicos competentes e cualificados para facer unha delimitación correcta do ben e do seu entorno co fin de garantir a sua protección efectiva, así como a súa posterior posta en valor.

14º.- Nas zonas de Solo Urbano Non Consolidado e Solo Urbanizábel Delimitado o sistema de actuación para a maior parte é o de Compensación. Este é o sistema máis prexudicial para os cidadáns ante a execucións dos planos de urbanización, xa que nos colocan nunha situación de práctica indefensión ante procesos especulativos que son os que xeran estas cualificacións urbanísticas.
Propoñemos:
Que de manterse finalmente estas zonas cualificadas como SUD e SUNC o seu sistema de actuacións sexa o de Cooperación.

15º.- O PXOM incumpre a Lei 9/2006, de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, xa que previa a esta exposición pública do mesmo, ante a fase de elaboración do Documento Inicial, non se estableceu un prazo de 30 días para que se achegasen as consideracións e suxestións oportunas, principalmente do público afectado, co cal non se tivo en conta a legal e obrigatoria participación pública. Tamén a incumpre ó non haber unha análise obxectiva do entorno, non existir unha definición de obxectivos e prioridades coherentes coas variables e os criterios fundamentais a considerar no procedemento de Avaliación Estratéxica Ambiental (Consumo de Solo, Ciclo Hídrico, Enerxía, Emisións contaminantes, Xestión de Residuos, Actividades Económicas, Integración Social, Medio Natural, Medio Rural, Medio Urbano, Rehabilitación e renovación Urbana, Mobilidade Sustentable e Vivenda), non existir unha determinación de impactos significativos e análise de alternativas, non existir medidas preventivas xa que non se seleccionaron alternativas e non existir un establecemento do sistema de seguimento e control da implementación do PXOM, así como as medidas ou mecanismos previstos para a redución ou eliminación de novas afeccións non previstas que poidan xurdir. A maiores non posúe un Plan de mobilidade, non contén un mapa de ruído nin cartografía de risco de incendio forestal segundo cos PDID (Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Distrito), non contén un mapa topográfico nin mapa xeolóxico. Na realidade non existe ESTUDO DE SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL, IMPACTO TERRITORIAL E PAISAXÍSTICO DO PXOM DE MARÍN, xa que o presentado non deixa de ser un mero panfleto que ignora os valores naturais do medio que pretende ordenar, ou minte directa e claramente, desvirtuándonos.

16º.- O cambio de usos do solo supera as 300 Has. ao recalificar Solo Rústico de protección Agropecuaria, Forestal, de Costas e de Espazos Naturais en forma de Solo Urbanizábel de uso residencial e industrial, e mesmo de Solo Rústico Ordinario en Solo Urbano Non Consolidado, cando a lexislación relativa á avaliación ambiental R.D. Lei 9/2000 de 6 de outubro, no seu artigo 1.1 Anexo Grupo 10, obriga a realizar un estudio de impacto ambiental cando hai unhas modificacións do uso do solo superiores a 100 has e o PXOM carece de dito EIA.

17º.- No apartado de CLASIFICACIÓN DO SOLO da MEMORIA DO PXOM indicase que Marín ten a consideración de Solo Rústico de Especial Protección de Espazos Naturais nos terreos que as Normas Provinciais de Planeamento de Pontevedra determinan para o cordal dos Montes de Cotorredondo e omite intencionadamente a existencia do espazo natural dos montes do Morrazo (resulta afectado por recalificación de terreos como se reflexará noutras alegacións), tamén recollido nas susoditas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Provincial de Pontevedra, de máis alcance territorial (1032 Has.) e onde se solapa o mesmo de Cotorredondo (309 Has.), tal e como contraditoriamente se sinala no apartado 2.1.5 de Espazos protexidos e catalogados incluído dentro do Estudo de Sustentabilidade Ambiental, Impacto Territorial e Paisaxístico do propio PXOM, onde di “Entre os espazos que se encontran en catálogos ou inventarios pódense destacar en primeiro lugar, pola súa relación cos política territorial aos montes do Morrazo e a Cotorredondo. En total suman máis de 1000 has., que se solapan nun territorio de claro carácter forestal”, reflexados no mapa 1 e Cadro 5 de Relación de espazos catalogados; e contravindo ó mesmo tempo o dito no apartado 2.1.4. de valores naturais e biodiversidade do mesmo Estudo de Sustentabilidade “a importancia do espazo forestal é precisamente como parte da gran masa que se extende polo Morrazo e que só na zona estritamente declarada alcanza as 3.619 Has. Esta gran superficie é un factor bioxeográfico clave para a conservación de especies faunísticas que necesitan gran superficie de campeo e como amortiguación de microespazos dotados de biodiversidade, como carballeiras mixtas ou ribeiras fluviais. Este papel bioxeográfico dos montes do Morrazo, pode verse afectado por procesos de fragmentación derivados de infraestruturas lineais ou outros equipamentos”.

18º.- O PXOM prevé para os próximos 15 anos unha capacidade máxima de 36.234 vivendas que triplica a capacidade residencial actual do concello, o que multiplicando por 3´5 habitantes de media por vivenda nos da unha capacidade máxima aproximada de 126.819 habitantes no futuro, 4 veces máis ca poboación actual, cando dende o ano 1981 con 26.103 habitantes residentes censados se pasou ós 26.013 de 2005, ou sexa en 15 anos, Marín só aumentou a súa poboación residente en 2.295 habitantes. Esta previsión polo tanto é irreal, e claramente só favorece o negocio da especulación urbanística, en base á promoción da segunda vivenda e do turismo estacional e en detrimento da ordenación do territorio, do medio ambiente e da calidade de vida dos propi@s veciñ@s residentes.

19º.- No PXOM non se especifica cal vai selo tratamento da augas nos Solos Urbanizábeis Delimitados de uso predominante industrial, xa que no apartado de SANEAMENTO da MEMORIA só se limita a dicir arbitrariamente que “deberán, obrigatoriamente, prever tratamento das súas augas”.

20º.- Tendo en conta o elevado crecemento urbanístico estimado polo PXOM non se propón ningún tipo de avaliación enerxética, limitándose o mesmo a mencionar que o termo municipal recibe a tensión eléctrica a traveso das subestacións de Lourizán, Ponte Sampaio e Cangas que alimentan os centros de transformación a baixa tensión. Co volume de vivendas e de zonas industriais proposto se fai obvio que a potencia eléctrica actual se vai facer claramente deficitaria e por engadido vai promover un incremento desmesurado do consumo enerxético.

Por todo o anteriormente exposto SOLICITAMOS:
Que se teñan por formuladas as presentes alegacións ao PXOM de Marín e se proceda á retirada do actual proxecto de PXOM, e a elaboración inmediata dun novo PXOM co debido e legal proceso de participación social, que cumpra realmente coa lexislación estipulada (Lei 9/2006 e LOUG) e que conteña un Estudio de Sustentabilidade Ambiental, Impacto Territorial e Paisaxístico en condicións, e baseado nun crecemento sostible, compatibilizando o uso residencial e industrial coa protección do medio natural e cultural.
Solicitamos que no novo PXOM sexan propostos o contorno do Lago Castiñeiras, o Outeiro de Campolongo e carballeiras de Pastoriza, e o Monte Castelo de Ardán como Espazos Naturais de Interese Local e as Brañas de Castiñeiras e as de Corno Pineda como Humidais Protexidos.
E de non procederse á retirada, que se teñan en conta as propostas feitas, así como que se de unha resposta razoada ao alegado en aplicación do artigo 86 de la Lei 30/1992 do RXAP e o PAC.

Marín, 4 de maio de 2007.

Asdo.:


Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Marín
Volver arriba
Ver perfil de usuario Enviar mensaje privado Enviar email Visitar sitio web del autor
Mostrar mensajes de anteriores:   
Publicar nuevo tema   Responder al tema    Foros de discusión -> Plan Urbanístico de Marín Todas las horas son GMT
Página 1 de 1

 
Cambiar a:  
Puede publicar nuevos temas en este foro
No puede responder a temas en este foro
No puede editar sus mensajes en este foro
No puede borrar sus mensajes en este foro
No puede votar en encuestas en este foro


Cibervisión Networks no se hace responsable de los comentarios que aquí se muestran siendo únicos responsables los creadores de los mismos.